Leia mais
Biblioteca Nacional revela obras furtadas
Cuiabá/MT: Igreja Nosso Senhor dos Passos será reaberta nesta 3ª feira
Ribeirão Preto/SP: Arquivo vai para Cianê - Depois de dois anos de negociações, prefeitura recebe doação de prédio e anuncia instalar Arquivo Histórico
Recife/PE: Imagens sacras são retiradas de altar para evitar assaltos
Obra que já gastou R$ 2,1 milhões pára por falta de verbas
Painel
Painel

 
A posta en valor do patrimonio cultural dos concellos
Felipe Senén. La Opinión. A Coruna Digital
novembro/2005
 
Comézase a redescubrir algo da inmensidade da historia popular de Galiza. Dende os concellos tómase nota e ábrense plans de recuperación, en ocasións con excesivo intervencionismo e sobrantes de innecesarios gastos de afemaento. Patrimonio esquecido, do que poucos países poden ofrecer tanto e tanta variedade por bisbarras, hoxe pardiñeiros cubertos de silveiras: mámoas, castros, xacementos arqueolóxicos que -ante a perda de memoria no decorrer dos séculos- o imaxinario popular atribúe aos anticristiáns e míticos mouros os que foron vencidos polo Apóstolo Santiago... pero hai máis, mazós de vellas ferrarías, muíños de río, de mareas, de vento, batáns, cabaceiros, cabanotes, pallozas, pombais, diferentes tipos de camiños de gastado chan, con rodeiras, feitos polos pés dos camiñantes... cos seus petos de ánimas nas encrucilladas, cruceiros, pontes de arcas, de poldras, pasais, ...pesqueiras, fontes labradas ou sinxelas minas... e a unha e outra banda diferentes tipos de valados e peches... carballeiras, soutos, campos de romaría, xigantescas penedas, siluetas de montes, fachos ou faros, picos sacros orientando aos camiñantes. Capeliñas, antigos mosteiros que administraron terras e gando, pazos, quintas, máis humildes casas labregas ou mariñeiras, sinxelamente caleadas.... Estruturas que presupoñen solidarización, un ideario teórico para a súa construción, unha razón de ser, unhas técnicas construtivas e unha vida. A iso chámaselle cultura, termo hoxe comercializado en liturxias de actos e días. Se as pedras, a osamenta destas pegadas do pasado falase, contaríanos algo daquel acontecer que hoxe buscan os arqueólogos e os historiadores preocupados por eses protagonistas populares anónimos, ensombrecidos por outras arrogancias. Esas estruturas presupoñen un patrimonio moble complementario, vellos trebellos feitos polos milmañas artesáns, canteiros, carpinteiros, ferreiros, oleiros, cesteiros... enxeños e técnicas de funcionamento, principios físicos, reaproveitamento da enerxía hidráulica, eólica, ou simplemente da forza humana. Sabios construtores, coñecidos naquel entón e no seu ámbito pola arte do seu bo facer, ou se acaso por unha sigla rabuñada nun recunchiño perdido da súa obra.
Detrás de todo eso hai as pantasmas do pasado, o espírito do lugar, que ás veces, caprichosamente e con ignorancia, perseguimos e asasinamos, un universo poético, expresado dalgún xeito por escritores, por artistas... un pasado que, se non foi dos nosos avós, se perde no atrás, nun pasado de afastados devanceiros. Nese ambiente intúense as variedades dun idioma en resistencia, uns acenos, músicas de gaita e pandeiro, vellas danzas... fogueiras, alimentos, caldo, afumados, queixo, xamón, empanada, filloas... un pasado que non deixa de ser noso, recurso descontextualizado, maltratado, esperpentizado, para ser tópico empobrecido e ao que, co complexo dos colonizados, se lle deu as costas. Coa súa perda pérdese e detúrpase a raiceira do idioma e da cultura. Ata que se aprende doutros cunha historia non tan rica en matices, e se abre a conciencia para reiniciar unha recuperación que debera facerse máis meticulosamente, para non cometer erros irreversibles. Veleiquí algúns de moitos exemplos: os muíños do Folón e o Picón no Rosal, o campo de feira de Agolada, o Forno do Forte de Buño, os batáns do Mosquetín en Vimianzo, o Muíño do Cachón en Muros, as adegas de Vilachá na Póboa do Brollón, o grupo de hórreos de Imo en Dodro, o conxunto parroquial de Carnota, Piornedo, Seceda do Caurel, Combarro...

Dende sempre e ata agora Galiza soubo valorar o seu patrimonio, polo menos teoricamente, e tivo sabios preocupados por gardar a memoria dese acontecer. Dende o ilustrado e curioso bieito Padre Sarmiento ao romántico Murguía, seguindo por Castelao coa súa modélica obra As Cruces de Pedra na Galiza, ou Vicente Risco, Cuevillas, Xocas, Taboada Chivite, Fernández Oxea, ... e toda unha continuidade que toma o herdo, anova e chega ata este presente no que as cousas se puidesen facer aínda mellor.

Para ler o artigo na íntegra, clique: